lunes, 27 de octubre de 2025

COMEZA A ANDAINA DO VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA

 Hoxe, durante a hora de recreo, convocamos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria para explicarlles as funcións do voluntariado de Biblioteca e resolver as súas dúbidas, así como ler entre todos e todas o contrato: funcións, dereitos e deberes.



Comezan con moita forza e ánimo!!


GRAZAS VOLUNTARIADO!!

LENDO BAIXO A MESMA ESTRELA

 "Lendo baixo a mesma estrela" faise realidade no noso cole os días que fai bo tempo. As lecturas ao aire libre, cos nosos compañeiros e compañeiras, convértese nun momento da xornada moi especial.





GRAZAS ALUMNADO DE 3º DE PRIMARIA!

HISTORIAS DE TERROR EN SAMAÍN

 Dende o equipo de biblioteca, aproveitando as celebracións escolares realizadas, facemos unha exposición temática dos fondos bibliográficos relacionados coa celebración.

Nos corredores de primaria, enchemos os espazos cunha escolma de libros. O alumnado pode dispoñer deles diariamente, na hora de ler.







Vivir aventuras terroríficas en Samaín!!

sábado, 25 de octubre de 2025

MOCHILAS VIAXEIRAS CURSO 2025/26


 Seguimos como cada curso co empréstito de mochilas viaxeiras como unha actividade para as familias cunha duración de 10 días.

No interior da mochila inclúense fondos varios en galego, castelán e inglés; libros sobre o PDI, libros de consulta, películas, xornais e libros para as familias.

Ademais, este curso a mochila introduce unha proposta para as familias sobre o PDI:

"Sementamos e recollemos vínculos: cos pés na terra"

Plantar nunha horta ou nun xardín mellora o benestar físico e mental, promove a conexión coa natureza e fomenta a responsabilidade. Ademais mentres, cultivamos virtudes como o amor, o respecto e a solidariedade, sementando valores positivos que xeran froitos de paz e felicidade en nós mesmos e na sociedade. Ambas as actividades, aínda que diferentes, son importantes para o desenvolvemento integral dunha persoa.

Este curso levaremos a cabo o proxecto da horta escolar, pero queremos plantar tamén nos corazóns do noso alumnado nun ano especial no que se dedica ao voluntariado solidario.

Dende a escola gustarianos pedirvos axuda para traballar de maneira conxunta a concienciación sobre temas tan importantes como a sostenibilidade e a solidariedade.

A proposta que vos facemos é que decoredes a pedra que vos chega na mochila con algún elemento típico da horta: hortalizas, froitas, verduras, insectos...

Queremos construír a sendo do Frian con todas as vosas achegas: cada pedra simboliza un anaquiño de vós para entre todos e todas facer comunidade, xa que unha senda non se fai cunha soa pedra, senón coa suma de moitas.

Deixamos algunhas ideas, pero o mellor é que deixedes voar a vosa imaxinación e creatividade.

😍😍😍😍😍😍😍😍

Da semente que botaches,

 plantarei un xardín e aferrareime a el 

para encher o meu corazón.


Moitas grazas pola vosa colaboración!

viernes, 24 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: XINCANA "Da terra á palabra: un camiño para sementar vínculos"

SEMENTAMOS E RECOLLEMOS VÍNCULOS:

COS PÉS NA TERRA

🌿 Día das Bibliotecas Escolares: Inauguramos a nosa biblioteca escolar coa Xincana “Da terra á palabra: un camiño para sementar vínculos”.

Hoxe levaremos a cabo a inauguración da nosa biblioteca escolar e con ela arranca o PDI para este curso "Sementamos e recollemos vínculos: cos pés na terra".
Dende o equipo de biblioteca propoñemos unha pequena e sinxela xincana pola escola para unha primeira toma de contacto co tema deste curso e poder así xerar curiosidades e ganas de descubrir e aprender novas cousas.

A través desta xincana, os participantes irán atopando pistas. Cada unha delas está vinculada co libro Semillas de Desirée Acevedo, de xeito que o alumnado reflexione sobre  sementes —de vida, de relación, de ideas— e as asocien co acto de plantar no mundo real. Ao final, non só terán os materiais para plantar, senón tamén terán “sementado” palabras ou vivencias que fortalezan vínculos.


Ademais, conseguirán os materiais necesarios para crear o seu pequeno xardín na aula (sementes, terra, testos e regadeira).
Cada pista simboliza un paso no proceso de cultivar (na terra e en nós): buscar, preparar, crear e coidar. Ademais, pretende reforzar valores como o traballo en equipo, o respecto polo medio e a cooperación.

Un tema central: cada neno e nena é unha semente distinta, con necesidades e ritmos diferentes, pero todas merecen ser coidadas e consideradas.

Todo comezou coa chegada, a cada aula, dunha carta de Frianciño para convidarnos a celebrar o Día das Bibliotecas escolares cunha divertida xincana.


Realizamos a xincana seguindo as pistas atopadas:





Cando cada aula conseguiu os catro elementos (sementes, terra, testos e regadeira), foron a biblioteca e alí o alumnado de 6º leu o pregón.


Ademais na biblioteca estaban preparadas as mochilas viaxeiras para cada aula e había unha gran sorpresa, estaba instalada unha árbore dos desexos.

Cada alumno e alumna escribiu nunha tarxeta tres desexos para este curso. Deste xeito enchemos a árbore de todos os nosos propósitos.
En xuño revisaremos se tivemos boa sementeira!!



Rematamos a xornada bailando todas e todos xuntos a canción de Paco Nogueiras "Cos pés na terra".


BO TRABALLO FRIAN!!

miércoles, 22 de octubre de 2025

SÓ FALTAN...2 DÍAS!!

 Hoxe mércores 22, os voluntarios e voluntarias da nosa biblioteca, foron polas aulas do cole dando unha noticia moi especial… só faltan dous días para unha sorpresa moi emocionante no cole!!


A SORPRESA ESTÁ CHEGANDO!!


lunes, 20 de octubre de 2025

RENOVAMOS E AMPLIAMOS A NOSA RADIO!


 Este curso renovamos o espazo da nosa Radio Frian. Abrimos unha ventá á biblioteca e así visionamos cando  un grupo está gravando. Por outra banda, dá a impresión de que agrandamos o espazo. 




Sintoniza Radio Frian!!

domingo, 19 de octubre de 2025






Comezamos un novo curso, con moitas ganas de gozar da nosa biblioteca e de vivir moitas aventuras entre toda a Comunidade Escolar.
😍😍😍😍😍😍😍😍